PixelinPhoto ©

Caras Carísimas – Lydia Botana

16 diciembre, 2014 ,

 

 

Aproveitando que Lydia Botana (Bolboreta) está metidiña de todo no que pode ser o seu proxecto mais importante da súa carreira quixemos preguntarlle por el e pola carreira que leva xa percorrida na súa vida persoal, laboral e profesional.

Aqui tedes a  entrevista que lle fixemos:

-Quen é Lydia Botana?

Unha rapaza que toca o piano e algún instrumento máis, canta as cancións que lle saen do corazón e conta o punto de vista que pode ter unha músico filla de labregos emigrantes que tornaron á súa Galiza natal e a criaron con moito esforzo e amor en Fonteculler (Culleredo, A Coruña). Licenciada polo Conservatorio Superior de Música da Coruña co Grado Profesional de piano e de percusión é a Xefa de departamento de Pedagoxía do Linguaxe e a Educación Musical no Conservatorio Superior de Música das Illas Baleares e estudiante na univerdade da vida para ser feliz.

 – E o de Bolboreta? o puxeches ti ou veu voando pouco a pouco ata que pousou en ti?

Bolboreta é a miña palabra favorita dende que teño capacidade de lembrar. Cando chegou a era dos emails, a xente poñía o seu nome, eu puxen bolboreta@… e xente de lugares coma Arxentina, Italia, Canarias…chamábame Bolboreta xa daquela. Gústame o representa: nace coma un ser que se arrastra, un verme que pode ser ata noxento, e tras unha siesta no seu estado de ninfa, transfórmase desplegando as súas fermosas ás e cambia o seu modo de ver o mundo voando en liberdade dende as alturas, unha vida fugaz trala súa metamorfose, pero unha vida plena. Penso que todas/os temos un momento de cambio, de metamorfose, que é necesario.

 – Que instrumento musical NON sabes tocar e querás tocar algunha vez?

jajaja Gustaríame tocar a armónica de cristal, a arpa,…sempre investigando sonoridades 🙂

 – E cal nin se che ocurriría?

Pois os instrumentos de vento, gústame escoitalos pero non me chamaron nunca a atención para tocalos, só a melódica!

 – Tamén és unha músico internacional, onde tes estado e con quen podes presumir que colaboraches?

Bueno fóra de Galicia teño estado pola Península de xiras, polas miñas adoradas illas Canarias, polas Baleares, en Italia onde fixen o Erasmus no conservatorio do Bologna e toquei moito nas rúas, en Liverpool, Rotterdam, Australia de surfari e tocando cos colegas…e este ano cumplín un dos soños da miña vida: ir e tocar en Cuba!

Presumir non sei se é, pero ORGULLO absoluto é que o meu pai colabore nalgúns concertos comigo…e de colaborar eu pois foi un soño tocar cun dos meus ídolos o Manu Chao, co meu grupo favorito dende os 16 anos Incubus, cos gypsi-punk Gogol Bordello durante 5 horas nun bus, cos funky embrutessío O´Funkillo, coa cumbia do Joan Garriga de Dusminguet/La Troba Kung Fu, con La Pegatina (alí estabas ti Pix facendo un video do momento!), cos bravús Diplomáticos de Monte Alto, os míticos Desorden Público de Venezuela, co Xabier Díaz de Berrogueto, os Canteca de Macao e o Ico, DKTC, O Leo, estes días estiven tocando por Mallorca co fillo de Luis Pastor e sobriño de Pedro Guerra, Pedro Pastor… bueno, con moita xente linda da que gardo recordos imborrables..

 – E con quen che gustaría compartir tema algunha vez?

Cunha cantante francesa da que me falaron fai un tempo de que tiñamos algo en común e gústame moito agora: Zaz. Tamén con moita xente que me emociona tocar, cantar e que admiro moito tanto no aspecto persoal coma no musical e que xa comparto tema no meu disco de Bolboreta e síntome moi afortunada por iso: Gambeat, o baixista da Mano Negra e Manu Chao que produce este primeiro disco que fago en solitario e sairá no 2015, o irmao Xurxo Souto, García Mc, o meu pai Vitín, e bastantes sorpresiñas de colaboracións que sairán no disco 😉

 – Despois de tantos anos de aqui para alá, en un lote de formacións, facendo un montón de colaboracións en discos e directos… como estás agora que chega o momento do proxecto propio?

Moi entusiasmada e con moitas ganas de sacalo adiante pero tamén sendo consciente de que é unha proposta nova que sae nun tempo difícil pero é o meu momento, se non o fago agora, cando senón? Teño cousas que dicir e expresar coas miñas cancións así que a ver como se asimilan.

 – Xa está o disco a punto de sair? Que tal a gravación? Cómo está sendo a experiencia?

O disco está esbozado e gravado nos seus inicios no estudio de Kasba Music en Barcelona onde estaban todos os discos da xente que me gusta como La Kinky Beat, Alamedadosoulna, Amparo Sánchez-Amparanoia, Canteca de Macao, el Brujo, Bongo Botrako, La Pegatina, Chalart58,… un flipe! Despois continuamos en Disquesí en Oza dos Ríos (A Coruña) gravando a músicos da terra moi ben acompañada polo meu técnico e amigo Rubén Montes con Gambeat a los mandos dende Barcelona ou por onde ande de xira con Manu Chao.

 – E a experiencia do clip “Nunca choveu”? Chovía?

Foi unha marabilla poder filmar no barrio onde me criei e sacar tódalas paisaxes coas que me identifico: o parque onde xogaba, o paseo marítimo do Burgo, o skatepark de Fonte, o busto de Castelao da plaza, o camiño ó conservatorio de Culleredo, a miña moto… E co Xurxo Souto unhas risas ensinándolle por onde facía as miñas travesuras de pequecha! Pois inda que rodouse na última semán de outubro, fixo un sol de carallo como di a canción 🙂 Houbo que simulala choiva pola miña zona de Fonteculler onde gravamos. Outro día sí que nos colleu a choiva de verdade, pero Nunca choveu que non escampara 🙂

Tiven moita sorte co equipo de rodaxe liderado polos meus pais e o director Fran X.Rodríguez xunto aos meus colegas que axudaron tamén.

 – Non te podes queixar de padriños non? Entre Gambeat, Xurxo Souto e quen sabe canta xente mais que tal leva a túa familia a túa vida musical?

O meu pai é músico e a miña nai é unha artista en todo o que fai! Apoianme en absolutamente TODO o que teño feito nesta vida que eles déronme, simplemente queren a miña felicidade e preocúpanse de que non confie en xente que me traicione como me ten pasado algunha vez e sufren moito por min cando pasa algo así. Para min os meus pais o son todo, son os meus millores amigos, confidentes e cómplices. Teño unha sorte de familia xunto ao meu irmán e con iso xa teño todo o apoio do mundo para intentar cambialo e comelo 😉

 – E cando decidiches adicarte ao mundo da música? Porque ti de pequena non querías ser veterinaria ou astronauta?

Veterinaria algunha vez sí que me deu o punto, jijiji. Pero como seguíamos moito ao meu pai polas verbenas cando tocaba coa orquesta, eu xa dende pequeniña quería ser cantante e cantaba pola megafonía da escola para o resto do cole…o meu irmán morría de vergoña cada vez que me escoitaba cantar mentres el estaba na clase! Antes de aprender a escribir o meu pai ensioume como tocar no piano a nota DO e eu, que índa non alcanzaba a velo teclado do piano achegábame e co dediño tocaba as teclas do piano. Logo quixen entrar no conservatorio e xa son catorce anos de carreira neste país, que dan para moito pero que non chega a ser polas inquietudes musicais que adquirín na casa tocando aos Beatles, a Fuxan os ventos…co meu pai, supoño que adicaríame só á música clásica en lugar de intentar fusionar tódolos xéneros musicais que me gustan como intento facer con Bolboreta.

 – Sabemos que é moito que falar pero… que ideas tes para un futuro no que a proxectos se refire? Unha película instrumental? Dirixir unha orquestra? Montar un grupo de heavy?

Sacar un libro con cancións para nenos/as do meu proxecto de música infantil que chamo DE AQUÍ PARA ALÁ para seguir sementando sementes coa maxia, a música, as cores e como non, as bolboretas.

 

 – E soños pendientes de realizar?

Dar a volta ao mundo cunha mochila, unha tabla de surf e unha guitarra por exemplo 🙂

 – Falando de soños, onde che gustaría tocar se tiveses un billete de avión en branco?

Buf, difícil pregunta… Gústanme moito as illas: volver a Cuba, Hawaii, Maldivas, Indonesia, Costa Rica, Xapón, Puerto Rico, etc, etc, etc.

 – Está resultandoche complicado vivir da música? Adícaste so a iso ou tes que pluriempregarte?

É complicado ser instrumentista soamente, os locais non poden asumir os cachés das bandas, hai moita oferta e poucas licencias e moitas trabas. Non estamos nun momento no que se queira apostar pola cultura e iso que eu creo que vive da cultura moita máis xente do que se pensa a maioría. Un pobo inculto é máis maniplable do que xa o é se cadra…

Eu adícome a música fai moitos anos cando deixei de traballar de camareira, dependienta, monitora de aeróbic… Traballo coma profesora de música fai máis de dez anos porque gústame moito educar a través da música aos máis pequenos inda que agora formo profesorado de música, algo que tamén gústame moito porque comparto o meu punto de vista do ensino musical, sempre sementando coa música!

 – E en Galicia é viable sacar un proxecto coma o teu adiante ou é algo case heroico?

Penso que hai que ter valor e perserverancia para sacar un proxecto persoal como o que trato de facer eu con Bolboreta, pero que nada é imposible.

 – Pois desexamos todo o mellor para ti neste e noutros proxectos ala onde toques e cantes. Grazas por atendernos e por formar parte do mundo Caras Carísimas.

A ti compa, foi un pracer enorme botar unhas risas contigo ese domingo mañanero de sesión fotográfica. Moitos bikos! Vémonos no camiño!

 

Aqui podedes seguir a Lydia Botana en Facebook e en www.lydiabotana.com podedes ter mais info sobre esta artista.

E a continuación podedes disfrutar do seu novo videoclip:

 

Leave a comment